Virxe peregrina, patroa da provincia e da Deputación de Pontevedra
Esta Ofrenda leva implícita unha invitación para todo pontevedrés –de nacemento ou de adopción, como é o meu caso—, da que me fago cargo por segunda vez desde que son presidente da Deputación de Pontevedra. É unha chamada a evocar a grandeza que proxecta a Semana Grande como posiblemente en ningún outro momento do ano.
Cada segundo domingo de agosto, a festividade da Virxe Peregrina resalta unha Pontevedra de raíces.
Cada segundo domingo de agosto, en Pontevedra queremos celebrar; queremos replicar a comuñón familiar que emana de fogares e rúas; queremos transmitir unidade no presente, ilusión no futuro e quere aflorar un pasado orgulloso e desacomplexado de tradicións como esta Ofrenda.
A Virxe da Pontevedra peregrina lémbranos que non somos outra cousa que herdeiros dun Camiño que xace inalterable ao paso do tempo; continuadores dos valores que hoxe Pontevedra proclama orgullosa; testaferros dos principios de tolerancia, perdón, xustiza, humildade, empatía ou do amor que están inscritos na mellor tradición cristiá.
Esta Ofrenda é un alto nese camiño.
Renegar desa senda constitúe un acto de soberbia ou de progreso mal entendido. Os oito anos de ausencia da Presidencia da Deputación a esta Ofrenda son vistos hoxe como un paréntese erróneo, minúsculo e esquecido, agás para recordar que quen quere situarse por riba da tradición fracasará sempre no seu empeño.
Caso contrario, ningún deses valores peregrinos perdeu vixencia, a xulgar non só pola multitude de episodios da vida colectiva desta provincia, senón por proxectos singulares que son un chamamento directo á reflexión.


“Volver a ser humanos ante a dor dos demais”. A Bienal de Arte Contemporánea de Pontevedra, recuperada polo vicepresidente Rafa Domínguez tras quince anos de ausencia, está a emitir estes meses mensaxes universais de paz e piedade idénticos aos que se escoitan na Peregrina, no Obradoiro ou no Vaticano ante o conflito, as crises humanitarias e a guerra. Aínda que a realidade do sufrimento é idéntica aquí e acolá, Pontevedra quere alzar a voz a través da arte.
A Peregrina alumeada por Warrener captou o poder simbólico dun templo que, máis que de pedra, tamén é de palabra e valores. Aquel día rachou fronteiras para clamar pola tregua dos conflitos e o regreso do humanismo á centralidade das nosas vidas. Foi un xesto efémero pero non o esqueceremos.
Por fortuna, vivimos nunha provincia onde o afecto e a fraternidade alumean tanto as capas máis superficiais como as máis profundas do noso pobo; e naqueloutros recunchos onde existe escuridade, invocamos a inspiración e a protección da Patroa para que nos guíe nas nosas decisións.
Pedimos acerto para renovar o abrazo simbólico e real do anfitrión e do turista que chegado de moitos lugares do mundo elixe Rías Baixas, pechando o paso a calquera brote de turismofobia.
Solicitamos alento para proclamar cantas veces sexa necesario o valor do noso patrimonio natural, o tesouro que é o noso monte; para evitar que os incendios o empobrezan, e con eles a toda a provincia.
Urxe estreitar as fendas –todas as fendas— que separan a igualdade entre homes e mulleres; e é imperativo concentrar todos os medios ao noso alcance –sociais, policiais, educativos, institucionais…— para que crimes machistas como o máis recente vivido no Porriño, deixen de conxelarnos o corazón e sexan por fin os derradeiros.
Non se pode obviar o clamor que esixe unha rexeneración ética nos despachos dalgunhas maxistraturas do Estado; co conseguinte regreso dunha exemplaridade que permite restaurar a confianza e credibilidade nas institucións.
Faise imprescindible desterrar a “política do muro” que se exerce en institucións capitais do noso país, cos seus satélites locais, para substituíla por unha política de metas compartidos na que a diferenza lexítima non ten poder de veto sobre os consensos a as metas comúns.
Virxe Peregrina,
Ante ti comparecemos para que orientes o rumbo dunha provincia de Pontevedra capaz de silenciar o sectarismo cunha política de Tender Pontes, o lema da nosa institución. Pontes entre distintos. Pontes de colaboración e lealdade. Pontes de tolerancia, conciencia e respecto mutuo.
En ti depositamos a nosa fe, Patroa, para que desde a Deputación os 61 concellos da provincia vexan atendidas súas necesidades específicas, e todos atopen acomodo nun proxecto común dentro dunha Pontevedra referencia en Galicia, España e Europa.
Guíanos para que as capacidades extraordinarias da nosa provincia, individuais e colectivas; públicas e privadas, se plasmen nun presente de avance e se proxecten nun futuro ilusionante; e amósanos o camiño para que cada segundo domingo de agosto renovemos ante ti os nosos desexos.
Que nos fagamos merecedores da túa protección.
Que a Virxe Peregrina nola conceda; e que viva a cidade e a provincia de Pontevedra.
