O popular evento terá lugar a partir das 9:30 horas cunha baixada de adestramentos e logo dúas oficiais na que puntúa o mellor tempo realizado
A organización destaca que haberá construcións espectaculares chegadas de toda a comarca e, como o ano pasado, retransmitirase en streaming
Os verdadeiros ‘autos tolos’ regresan este venres 15 de agosto a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce do deporte en Galicia. O Concello de Nigrán e a Asociación Cultural ‘A Camoesa’ organizan a ‘XVI Baixada de Carrilanas’ na rúa San Roque e Xuncido.
Como xa é habitual, volverán a saír do Turreiro, virarán á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) para afrontar maior desnivel, unha rasante e unha curva no trazado de 90 grados na propia meta. En total, trátase de 1 km de lonxitude cun desnivel do 80%, o que fará que os vólidos ‘voen’ a case 110 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora. A proba desenvolverase durante toda a mañá, comezando ás 9:30 horas cunha baixada de adestramentos e, a continuación, dúas oficiais na que puntuará o mellor tempo realizado, prevéndose a entrega de premios ás 14:00 horas.
Como o ano pasado, poderá seguirse en streaming e, como principal novidade, os participantes poderán chequear online e en directo o tempo realizado e a posición acadada. En total, inscribíronse 69 carrilanas, sendo 14 delas artesanais (neste apartado, a organización destaca que haberá construcións espectaculares chegadas de toda a comarca).
A baixada de carros de bolas en Camos (Nigrán) é un evento cultural e de ocio consolidado como unha tradición na zona, é unha proba de inercia moi divertida, un espectáculo visual emocionante cheo de colorido. Nese día as rúas da parroquia énchense de risas, nervios e aplausos mentres ‘voan’ estes auténticos ‘autos tolos’. Cada participante pon a proba a súa habilidade e destreza ao volante co fin de acadar un bo rexistro que lle outorgue un premio na competición, sen descoidar o lado máis humorístico ou sorprendente na elaboración do artefacto, que tamén ten premio.
